30 xuño 2026

MAIO: Letras Galegas con perspectiva de xénero, IA e Begoña Caamaño

No terceiro trimestre, o centro pechou as actividades do curso unindo as novas tecnoloxías, a creación artística e a reivindicación das nosas escritoras máis comprometidas. Como rezaba un dos carteis expostos no instituto: En tempos de tantas pantallas e de tanta Intelixencia Artificial, ler é un acto revolucionario.

     1. A Balteira transfórmase en Begoña Caamaño: Como non podía ser doutro xeito, a nosa icona mudou de traxe por última vez neste curso para converterse en Begoña Caamaño, a escritora, xornalista e activista feminista homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Con esta transformación, o alumnado puido achegarse non só á calidade literaria da autora, senón ao seu profundo compromiso político coa liberación das mulleres e a visibilización de personaxes femininas da historia e do mito ás que Caamaño deu voz propia para desmontar a visión patriarcal tradicional.

  

2. Intelixencia Artificial (IA) e sesgo de xénero (unha análise crítica): En paralelo ás ensinanzas dixitais, o alumnado de 1º, 2º e 4º de ESO realizou un traballo de creación de perfís (Bibliagram) e transformación de personaxes históricos en heroes, heroínas ou viláns mediante o uso da IA. Esta actividade tivo como conclusión unha profunda reflexión colectiva sobre o sesgo de xénero que arrastran os algoritmos dixitais, constatando criticamente como as ferramentas tenden a xerar figuras masculinas con gran poder e autoridade, mentres que as figuras femininas son sistematicamente hipersexualizadas.

3. Exposición no vestíbulo de entrada do produto final da actividade “Dándolle a volta ao conto”: Durante o primeiro e segundo trimestre traballouse a actividade titulada “Cambia o conto”, deseñada e coordinada de xeito  interdisciplinar entre os departamentos de Lingua Castelá  e Literatura e o Departamento  de Educación Plástica, destinada ó alumnado de 3º ESO e que se desenvolveu en tres fases: O alumnado, organizado en grupos levou a cabo unha  lectura e análise crítica de diversos  contos tradicionais (Cenicienta, Blancanieves, La Bella Durmiente, Caperucita Roja, etc.). A continuación elaborou unha nova redacción do conto tradicional. Estas dúas fases foron realizadas en varias sesión na clase de Lingua Castelá. Por último, creou un soporte visual para as novas historias, neste caso supervisado pola docente de Educación Plástica.

MARZO: o 8M e a historia do feminismo fronte ás modas (Día da muller)

Coa premisa de sermos un centro activamente coeducativo, o 8 de Marzo o instituto deu o mellor de si para conmemorar o Día Internacional da Muller. 

Como ben nos lembra a filósofa Simone de Beauvoir: Nunca esquezades que unha soa crise política, económica ou relixiosa será suficiente para volver cuestionar os dereitos das mulleres. Estes dereitos nunca están garantidos. Para manter esa vixilancia e educar no pensamento crítico, levouse a cabo un ambicioso traballo transversal e interdisciplinar no que colaborou persoal docente e non docente.

1. Acción reivindicativa “Agasállame cunha palabra”: A profesora de Educación Plástica (Susana) deseñou unha caixa de agasallo e creou un abecedario artístico xunto ao alumnado de 4º de ESO. En colaboración con ela, as persoas que forman parte do equipo de biblioteca creamos un espazo de traballo cooperativo para buscar termos que definisen a realidade e o empoderamento feminino con cada unha das letras (Balteira, aleitar, corresponsabilidade, útero, valente, forza, xusta). Estas palabras escribíronse en posits de diferentes cores e formas e distribuíronse por todos os recunchos (corredores, secretaría, hall de entrada), transformando o instituto nunha auténtica fervenza de visibilización lingüística feminista. Posteriormente, a profesora de Relixión organizou unha busca do tesouro: o alumnado dos diferentes grupos buscaba unha palabra de cada letra e construía a partir desas palabras, un relato feminista. Noutros casos, o relato estaba constituído por todas as palabras achegadas que comezaran pola mesma letra.

   

2. A Balteira de gala (O feminismo é un movemento con historia): A nosa icona luciu unha camiseta morada co lema “Nin un paso atrás” e unha saia de gala moi especial: unha composición de panos onde se recollía cronoloxicamente a historia do feminismo a través das biografías, frases e imaxes das teóricas que lideraron as distintas olas. O alumnado de 1º de Bacharelato de Relixión Católica  encargouse, ademais, de expoñer estes contidos ante os compañeiros e compañeiras máis novos do centro para desmontar o mito de que o feminismo é unha moda pasaxeira.

     3. Campaña de orientación profesional “As nenas non queren ser princesas”: Coa colaboración das persoas titoras, impulsouse unha reflexión sobre os estereotipos de xénero no futuro laboral. Pedíuselle a todo o alumnado do centro que escribise nun post-it que quería ser de maior, enchendo as columnas do instituto con estes soños sen barreiras de xénero. Paralelamente, as profesoras do centro sumáronse á iniciativa elaborando unha orla coas súas fotos de pequenas e as profesións coas que soñaban nese momento, demostrando co seu propio exemplo que As mendiñas non queriamos ser princesas.

4.  4. Intervención espacial “Un firmamento de mulleres brillantes”: Grazas ao apoio e traballo do departamento de Tecnoloxía, instalouse unha rechamante intervención na entrada do instituto, convertendo o teito nun firmamento do que colgaban estrelas coas fotos e os nomes de mulleres que foron e son referentes brillantes en disciplinas tradicionalmente masculinizadas (ciencias, tecnoloxía, matemáticas, deportes).

5.  5. Mostras monográficas de empoderamento: Para poñer o broche de ouro, a entrada do instituto acolleu dúas grandes mostras documentais compartidas na entrada do centro. A primeira delas centrouse en ensaios e guías sobre a historia do feminismo e a teoría coeducativa. A segunda, baixo o lema de mulleres fortes e valentes, recolleu biografías e historias de figuras inspiradoras cuxo nome propio aparecía na portada.

6.   6. Na materia de Música, o alumnado de 2º ESO de Ana Alvarellos celebrou o 8 de marzo coa canción Lisístrata de Fillas de Casandra. Escoitaron a canción, cantárona, analizaron a letra e foron máis alá das palabras na busca de mensaxes claras e doutras non tan evidentes. Ó final da actividade, deron a súa opinión sobre a temática do empoderamento da muller e fixeron un mini debate sobre as tarefas domésticas e as obrigas familiares no fogar.

FEBREIRO: efecto Matilda e Semaniña enteira

O mes de febreiro uniu o Día Internacional da Muller e da Nena na ciencia coa celebración da Semaniña Enteira, para celebrar o día do nacemento de Rosalía de Castro e fomentar o uso da nosa lingua.

    1. Buscando referentes e superando o Efecto Matilda: O alumnado de 2º de Bacharelato de Relixión Católica utilizou fontes documentais para investigar sobre mulleres vítimas do “Efecto Matilda” coas que elaborou biografías que vestiron a Balteira.

   2. Unión simbólica de referentes mulleres (Día de Rosalía): Para visibilizar o fío vermello que une ás mulleres ao longo da historia na loita por ocupar o espazo público e a literatura, A Balteira (nada no século XIV) vestiuse para a ocasión coa camiseta de Rosalía de Castro no seu 189 aniversario. Esta fusión simbólica serviu para facer reflexionar ao alumnado sobre o carácter atemporal das nosas referentes e a importancia de reivindicar o seu legado. Así, a Balteira vestiuse de "palabras de cores e palabras luminosas" en lingua galega que o alumnado participou en rescatar, explorando a riqueza conceptual aplicable á nosa vida ordinaria e aos coidados. Como ben recollía o cartel deseñado por Euxenio: "Non hai nada que non poidas dicir en galego".

NOVEMBRO: concienciación contra a violencia machista e desmontando "fake news" (25N)

Co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, as actividades centráronse na estatística real do impacto da violencia machista e na alfabetización mediática co alumnado de 4º de ESO.

     1. A saia tinguida de loito: O alumnado de 4º de ESO de Relixión Católica realizou un doloroso pero necesario exercicio de realidade: a investigación de datos e a posterior elaboración de esquelas co nome das mulleres asasinadas por violencia de xénero durante o ano 2025. Con estas composicións volveuse vestir a saia da Balteira na entrada do instituto, funcionando coma un memorial físico, visible e de repulsa colectiva contra a lacra machista. 

    2. Zapatos vermellos: Coa colaboración do persoal docente e non docente do centro, o vestíbulo do Mendiño converteuse nunha gran fosa funeraria: á Balteira, cuxa saia estaba formada polas esquelas, púxose no centro e rodeouse de tantos pares de zapatos vermellos  ou tinxidos de vermello coma se fosen pingueiras de sangue como mulleres asasinadas ata o 25 N, ademais de tres pares de zapatos de crianzas. Cada par de zapatos levaba o nome da súa dona. 


 3.  Pensamento crítico e alfabetización dixital: Máis alá da homenaxe, a actividade tivo un fondo profundamente coeducativo: o alumnado traballou baixo a supervisión docente no contraste de fontes de información nos medios para desmontar os numerosos bulos e "fake news" de corte machista que circulan activamente por redes e foros dixitais de grande impacto xuvenil. O obxectivo foi concienciar de xeito directo ao alumnado (e moi especialmente aos varóns) sobre como estes discursos promoven a desinformación, envelenan a convivencia e perpetúan as desigualdades.

4.  Na materia de Francés, o alumnado de 3º ESO de Ana Alvarellos tratou o tema da violencia de xénero durante a semana do 25 de novembro a través da canción "Tempête" de Angèle, un canto desesperado dunha muller que sofre violencia de xénero. Con ela, foron capaces de subliñar os símbolos de violencia e maltrato presentes na mesma, achegarse e empatizar coa historia da protagonista. A continuación, fixeron un traballo de clasificación de comportamentos aceptables e non aceptables nunha relación de parella. E, finalmente, puxéronse en situación (preguntándose “Que faríamos nós?”) e buscaron accións, estratexias e solucións posibles para axudar á protagonista da canción se fose unha persoa coñecida do seu entorno.

     5. No marco da materia de Proxecto Competencial do curso de 1º da ESO, adicaron o primeiro trimestre á intervención de imaxes mediante a técnica do bordado. Así, o alumnado escolleu imaxes que representasen diferentes estereotipos de xénero e, bordándoas, deulles un novo sentido. Como exemplos a personaxe Mulan vestida de princesa, que pasou a ser unha superheroína; Rapunzel, que pasou de ser rescatada a rescatadora do príncipe na torre ou Heman, personaxe de cómic destacado polas súas habilidades físicas que agora tamén se encarga das tarefas do fogar, cambiando a súa espada por unha vasoira.

01 xuño 2026

OUTUBRO: inauguración de "A Balteira" e reivindicación no Día das escritoras (24-O)

O venres 24 de outubro, coincidindo formalmente coa conmemoración do Día das Escritoras, o noso instituto viviu un fito na xustiza social e na visibilización feminina: o bautizo oficial da nosa biblioteca escolar co nome de "A Balteira".

Nun centro profundamente vinculado á lírica medieval coma o IES Mendiño, a elección deste nome supón un acto pedagóxico de gran calado. María Pérez, "A Balteira", foi unha soldadeira e xograresa galega do século XIII que desafiou os canons da súa época, escollendo vivir coma unha muller libre e independente na corte de Alfonso X o Sabio.

Para celebrar este nomeamento dende unha estrita perspectiva coeducativa, desenvolvéronse as seguintes accións transversais:

 

 1. Coeducación a través do deseño (Unha icona para o centro): Logo deseñado pola profesora de Plástica con lema realizado pola vicedirectora do centro: A Balteira, unha muller forte e valente á que non lle importaba ensinar o dente. Este logo materializouse en marcapáxinas cos que se agasallou a todo o alumnado no día da inauguración. Tamén se fixeron chapas co logo e chaveiros en madeira, ademais de colocar un rótulo co seu nome na porta de entrada. Transformouse un maniquí na figura emblemática da Balteira. Para a súa estrea, a figura luciu unha camiseta conmemorativa do "Día das Escritoras", mentres que un armazón artesanal en forma de saia serviu como canle canalizadora das diferentes exposicións e conmemoracións do centro: 25N, 11F, 8M, 17M. 
 

2. Visibilidade na rede e ocupación dos espazos: A Balteira, reafirmando o seu carácter de muller con voz propia na esfera pública, deu o salto ao mundo dixital coa recuperación do blog oficial da man da profesora Catalina Míguez. A xornada de inauguración estivo cargada de simbolismo, engalanando os corredores e o camiño cara a esta nova "casa do saber" cunha estética festiva e integradora onde se encheu o camiño de globos e se agasallou ao alumnado con marcapáxinas conmemorativos.

3. Rompendo o silencio (case 80 paneis de escritoras): A saia da Balteira converteuse nunha obra colectiva e monumental de visibilización literaria. O alumnado de 3º e 4º de ESO de Relixión Católica, en colaboración co profesorado e o PAS, elaborou preto de 80 pósters monográficos que recollen a biografía, os rostros e as obras de escritoras historicamente invisibilizadas ou relegadas a un segundo plano nos libros de texto tradicionais. 

·   4. Aproximación crítica á lírica medieval: Para que toda a comunidade educativa puidese afondar na relevancia de María Pérez máis alá dos prexuízos das cantigas de escarnio —onde era criticada precisamente pola súa liberdade—, os profesores Miguel Rancaño e Olga Nogueira deseñaron unha exposición con infografías na entrada do instituto acompañada dunha unidade didáctica específica. Todo o alumnado do centro tivo a oportunidade de traballar esta unidade nas clases de Lingua Galega, analizando de xeito crítico a figura da muller na Idade Media.