30 xuño 2026

NOVEMBRO: concienciación contra a violencia machista e desmontando "fake news" (25N)

Co gallo do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, as actividades centráronse na estatística real do impacto da violencia machista e na alfabetización mediática co alumnado de 4º de ESO.

     1. A saia tinguida de loito: O alumnado de 4º de ESO de Relixión Católica realizou un doloroso pero necesario exercicio de realidade: a investigación de datos e a posterior elaboración de esquelas co nome das mulleres asasinadas por violencia de xénero durante o ano 2025. Con estas composicións volveuse vestir a saia da Balteira na entrada do instituto, funcionando coma un memorial físico, visible e de repulsa colectiva contra a lacra machista. 

    2. Zapatos vermellos: Coa colaboración do persoal docente e non docente do centro, o vestíbulo do Mendiño converteuse nunha gran fosa funeraria: á Balteira, cuxa saia estaba formada polas esquelas, púxose no centro e rodeouse de tantos pares de zapatos vermellos  ou tinxidos de vermello coma se fosen pingueiras de sangue como mulleres asasinadas ata o 25 N, ademais de tres pares de zapatos de crianzas. Cada par de zapatos levaba o nome da súa dona. 


 3.  Pensamento crítico e alfabetización dixital: Máis alá da homenaxe, a actividade tivo un fondo profundamente coeducativo: o alumnado traballou baixo a supervisión docente no contraste de fontes de información nos medios para desmontar os numerosos bulos e "fake news" de corte machista que circulan activamente por redes e foros dixitais de grande impacto xuvenil. O obxectivo foi concienciar de xeito directo ao alumnado (e moi especialmente aos varóns) sobre como estes discursos promoven a desinformación, envelenan a convivencia e perpetúan as desigualdades.

4.  Na materia de Francés, o alumnado de 3º ESO de Ana Alvarellos tratou o tema da violencia de xénero durante a semana do 25 de novembro a través da canción "Tempête" de Angèle, un canto desesperado dunha muller que sofre violencia de xénero. Con ela, foron capaces de subliñar os símbolos de violencia e maltrato presentes na mesma, achegarse e empatizar coa historia da protagonista. A continuación, fixeron un traballo de clasificación de comportamentos aceptables e non aceptables nunha relación de parella. E, finalmente, puxéronse en situación (preguntándose “Que faríamos nós?”) e buscaron accións, estratexias e solucións posibles para axudar á protagonista da canción se fose unha persoa coñecida do seu entorno.

     5. No marco da materia de Proxecto Competencial do curso de 1º da ESO, adicaron o primeiro trimestre á intervención de imaxes mediante a técnica do bordado. Así, o alumnado escolleu imaxes que representasen diferentes estereotipos de xénero e, bordándoas, deulles un novo sentido. Como exemplos a personaxe Mulan vestida de princesa, que pasou a ser unha superheroína; Rapunzel, que pasou de ser rescatada a rescatadora do príncipe na torre ou Heman, personaxe de cómic destacado polas súas habilidades físicas que agora tamén se encarga das tarefas do fogar, cambiando a súa espada por unha vasoira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario