28 maio 2026

Visibilizando desde Economía

O alumnado de Economía de 1º de Bacharelato reflexionou ao respecto da fenda salarial orientado pola súa docente Carmen Vallejo. 

O obxectivo foi dobre: por unha banda, dar visibilidade a esta discriminación contra a muller; pola outra, contrastar con datos obxectivos esta realidade diante dos que a negan.

Deixámosvos unha presentación aquí.

O cadro pertence ao famoso pintor do Barroco italiano, Caravaggio, titulado "A vocación de San Mateo".

Rebelión nos contos tradicionais

Durante o primeiro e o segundo trimestre traballouse a actividade titulada “Cambia o conto”, deseñada e coordinada de xeito interdisciplinar entre os departamentos de Lingua Castelá e Literatura e o Departamento de Educación Plástica, destinada ao alumnado de 3º de ESO.

Esta proposta xorde da necesidade de revisar os relatos clásicos que perpetúan roles de xénero estereotipados e asimétricos: personaxes femininos definidos pola beleza, carentes de ambicións e con necesidade de ser rescatadas fronte a personaxes masculinos asociados obrigatoriamente á acción, á forza, ao exercicio do poder…

A actividade dividiuse en varias fases:

1. O alumnado, organizado en grupos, levou a cabo unha lectura e análise crítica de diversos contos tradicionais ("Cenicienta", "Blancanieves", "La Bella Durmiente", "Caperucita Roja", etc.).

2. A continuación, elaborou unha nova redacción do conto tradicional. Estas dúas fases foron realizadas en varias sesións na clase de Lingua Castelá.

3. Creouse un soporte visual para as novas historias supervisado pola docente de Plástica.

Esta actividade foi desenvolvida polas docentes Alicia Pazos Otero (Lingua Castelá) e Susana Ferradás Otero (Debuxo). 

Na imaxe elixida para esta entrada desfrutamos do cadro "Dos niñas leyendo" de Renoir.

Con fío violeta

No marco da materia Proxecto Competencial en 1º da ESO, adicamos o primeiro trimestre á intervención de imaxes mediante a técnica do bordado. 

Así, o alumnado escolleu imaxes que representasen diferentes estereotipos de xénero e, bordándoas, deulles un novo sentido. 

Como exemplos, a personaxe Mulan vestida de princesa metamorfoseuse nunha superheroína; Rapunzel pasou de ser rescatada a rescatadora do príncipe na torre; ou He-man, personaxe de cómic destacado polas súas habilidades físicas, agora tamén se encarga das tarefas do fogar e cambia a súa espada por unha vasoira!

Esta actividade foi desenvolvida pola profesora Elena Fernández Troncoso.

Na imaxe superior podes admirar o cadro "Las hilanderas" de Velázquez.