30 xuño 2026

MAIO: Letras Galegas con perspectiva de xénero, IA e Begoña Caamaño

No terceiro trimestre, o centro pechou as actividades do curso unindo as novas tecnoloxías, a creación artística e a reivindicación das nosas escritoras máis comprometidas. Como rezaba un dos carteis expostos no instituto: En tempos de tantas pantallas e de tanta Intelixencia Artificial, ler é un acto revolucionario.

     1. A Balteira transfórmase en Begoña Caamaño: Como non podía ser doutro xeito, a nosa icona mudou de traxe por última vez neste curso para converterse en Begoña Caamaño, a escritora, xornalista e activista feminista homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas. Con esta transformación, o alumnado puido achegarse non só á calidade literaria da autora, senón ao seu profundo compromiso político coa liberación das mulleres e a visibilización de personaxes femininas da historia e do mito ás que Caamaño deu voz propia para desmontar a visión patriarcal tradicional.

  

2. Intelixencia Artificial (IA) e sesgo de xénero (unha análise crítica): En paralelo ás ensinanzas dixitais, o alumnado de 1º, 2º e 4º de ESO realizou un traballo de creación de perfís (Bibliagram) e transformación de personaxes históricos en heroes, heroínas ou viláns mediante o uso da IA. Esta actividade tivo como conclusión unha profunda reflexión colectiva sobre o sesgo de xénero que arrastran os algoritmos dixitais, constatando criticamente como as ferramentas tenden a xerar figuras masculinas con gran poder e autoridade, mentres que as figuras femininas son sistematicamente hipersexualizadas.

3. Exposición no vestíbulo de entrada do produto final da actividade “Dándolle a volta ao conto”: Durante o primeiro e segundo trimestre traballouse a actividade titulada “Cambia o conto”, deseñada e coordinada de xeito  interdisciplinar entre os departamentos de Lingua Castelá  e Literatura e o Departamento  de Educación Plástica, destinada ó alumnado de 3º ESO e que se desenvolveu en tres fases: O alumnado, organizado en grupos levou a cabo unha  lectura e análise crítica de diversos  contos tradicionais (Cenicienta, Blancanieves, La Bella Durmiente, Caperucita Roja, etc.). A continuación elaborou unha nova redacción do conto tradicional. Estas dúas fases foron realizadas en varias sesión na clase de Lingua Castelá. Por último, creou un soporte visual para as novas historias, neste caso supervisado pola docente de Educación Plástica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario