Como ben nos lembra a filósofa Simone de Beauvoir: Nunca esquezades que unha soa crise política, económica ou relixiosa será suficiente para volver cuestionar os dereitos das mulleres. Estes dereitos nunca están garantidos. Para manter esa vixilancia e educar no pensamento crítico, levouse a cabo un ambicioso traballo transversal e interdisciplinar no que colaborou persoal docente e non docente.
1. Acción reivindicativa “Agasállame cunha palabra”: A profesora de Educación Plástica (Susana) deseñou unha caixa de agasallo e creou un abecedario artístico xunto ao alumnado de 4º de ESO. En colaboración con ela, as persoas que forman parte do equipo de biblioteca creamos un espazo de traballo cooperativo para buscar termos que definisen a realidade e o empoderamento feminino con cada unha das letras (Balteira, aleitar, corresponsabilidade, útero, valente, forza, xusta). Estas palabras escribíronse en posits de diferentes cores e formas e distribuíronse por todos os recunchos (corredores, secretaría, hall de entrada), transformando o instituto nunha auténtica fervenza de visibilización lingüística feminista. Posteriormente, a profesora de Relixión organizou unha busca do tesouro: o alumnado dos diferentes grupos buscaba unha palabra de cada letra e construía a partir desas palabras, un relato feminista. Noutros casos, o relato estaba constituído por todas as palabras achegadas que comezaran pola mesma letra.2. A Balteira de gala (O feminismo é un movemento con historia): A nosa icona luciu unha camiseta morada co lema “Nin un paso atrás” e unha saia de gala moi especial: unha composición de panos onde se recollía cronoloxicamente a historia do feminismo a través das biografías, frases e imaxes das teóricas que lideraron as distintas olas. O alumnado de 1º de Bacharelato de Relixión Católica encargouse, ademais, de expoñer estes contidos ante os compañeiros e compañeiras máis novos do centro para desmontar o mito de que o feminismo é unha moda pasaxeira.
3. Campaña de orientación profesional “As nenas non queren ser princesas”: Coa colaboración das persoas titoras, impulsouse unha reflexión sobre os estereotipos de xénero no futuro laboral. Pedíuselle a todo o alumnado do centro que escribise nun post-it que quería ser de maior, enchendo as columnas do instituto con estes soños sen barreiras de xénero. Paralelamente, as profesoras do centro sumáronse á iniciativa elaborando unha orla coas súas fotos de pequenas e as profesións coas que soñaban nese momento, demostrando co seu propio exemplo que As mendiñas non queriamos ser princesas.
4. 4. Intervención espacial “Un firmamento de mulleres brillantes”: Grazas ao apoio e traballo do departamento de Tecnoloxía, instalouse unha rechamante intervención na entrada do instituto, convertendo o teito nun firmamento do que colgaban estrelas coas fotos e os nomes de mulleres que foron e son referentes brillantes en disciplinas tradicionalmente masculinizadas (ciencias, tecnoloxía, matemáticas, deportes).
5. 5. Mostras monográficas de empoderamento: Para poñer o broche de ouro, a entrada do instituto acolleu dúas grandes mostras documentais compartidas na entrada do centro. A primeira delas centrouse en ensaios e guías sobre a historia do feminismo e a teoría coeducativa. A segunda, baixo o lema de mulleres fortes e valentes, recolleu biografías e historias de figuras inspiradoras cuxo nome propio aparecía na portada.
6. 6. Na materia de Música, o alumnado de 2º ESO de Ana Alvarellos celebrou o 8 de marzo coa canción Lisístrata de Fillas de Casandra. Escoitaron a canción, cantárona, analizaron a letra e foron máis alá das palabras na busca de mensaxes claras e doutras non tan evidentes. Ó final da actividade, deron a súa opinión sobre a temática do empoderamento da muller e fixeron un mini debate sobre as tarefas domésticas e as obrigas familiares no fogar.






Ningún comentario:
Publicar un comentario